Vous êtes sur la page 1sur 2

ABRINDO CAMIÑOS

NÚMERO 62
ABRIL 2018

ESTADO DE NEGOCIACIÓN DA RPT

O 6 de abril o prazo para que os sindicatos que están na negociación da nova Relación de Postos de Traballo
fixesen as últimas achegas neste proceso que comezou a finais de 2017. Ata o momento, o goberno municipal
chegara a acordos no relativo á asignación de niveis e os factores de valoración do complemento específico con
CSIF, CCOO e UGT, e a CIG amosou desde o comezo a súa discrepancia cun documento que en realidade non
valora os postos de traballo e que parte dunha distinción de nivel entre persoal laboral e funcionariado alegando
unha menor responsabilidade que na realidade é inexistente e menosprezando claramente os postos do persoal
laboral. Na última reunión só ficaba pendente a asignación das distintas escalas a cada un dos factores do
complemento específico e as achegas (podedes consultar as da CIG en www.cigconcellobetanzos.blogspot.com) e
se todo segue como o previsto logo destas propostas habería unha reunión final sobre a Relación de Postos de
Traballo. No caso de que o goberno municipal chegase a un acordo cos sindicatos que ata o momento viñan
aceptando as súas propostas e acordase unha nova RPT esta debería someterse a acordo plenario, se se
aprobase no pleno de xeito inicial abriría un prazo para facer alegacións, ata que logo se estimen ou desestimen e
se aprobaría de xeito definitivo, sempre ficando a vía de levar as alegacións a outra instancia no caso de que sexan
desestimadas.

COMISIÓN PARITARIA DO CONVENIO COLECTIVO (09/04/2018)

O 9 de abril tivo lugar, logo de múltiples peticións do Comité de Empresa, a Comisión Paritaria do Convenio
Colectivo. Nesta reunión acordáronse unha serie de modificacións do Convenio colectivo que irán, segundo indicou
o concelleiro, ao pleno de maio de 2018. Unha vez que se aproben e se publiquen no Boletín Oficial da Provincia
entrarían en vigor. As modificacións foron as seguintes (máis info en www.cigconcellobetanzos.blogspot.com):
-Artigo 22. Xornada laboral. 2. Engadido: ou as tardes dos luns, martes, mércores, xoves ou venres.
-Cláusula transitoria primeira. Complemento persoal transitorio. Engadido: Este complemento persoal transitorio
non poderá ser incrementado nin revalorizado e absoberase segundo os seguintes criterios:
a) A absorción operará sobre o importe total de calquera futura mellora retributiva que afecte ao complemento
específico ou ao valor dos trienios por antigüidade. b) No caso de que o cambio de posto de traballo supoña unha
diminución de retribucións, manterase o complemento persoal transitorio fixado, a cuxa absorción se imputará
calquera mellora retributiva posterior, mesmo as que poidan derivarse dun novo posto de traballoque afecte ao
complemento específico ou ao valor dos trienios por antigüidade. c) Non terán consideración de melloras
retributivas as derivadas do perfeccionamento de novos trienios, a percepción de retribucións complementarias que
non teñan carácter de fixas na súa contía nin periódicas no seu devengo, o incremento xeral das retribucións
básicas que poidan establecer anualmente os correspondentes orzamentos. d) Previamente pasarase a informe da
Secretaría e da Intervención municipal. Os incrementos, sempre que os informes sexan favorables, aplicaranse con
efectos retroactivos.
-Anexo I.Valor económico das horas extraordinarias. Engadido: Estes importes experimentarán o incremento
que determine, para cada exercicio, a Lei de orzamentos xerais do Estado e restante normativa de aplicación. Os
incrementos, sempre que os informes sexan favorables, aplicaranse con efectos retroactivos.
-Anexo III.Complemento de funcións extraordinarias. Engadido:...así como os relacionados coas actividades de
festas patronais e eventos organizados polo Concello (eventos consolidados dunha duración mínima de tres días e
coincidindo en festivos ou sábado ou domingo dous dos días de celebración)...
A meirande parte destas modificacións xa foron acordadas na Comisión do 18/07/18 e ratificadas nesta. Non
obstante, logo desta Comisión tivemos coñecemento de que o concelleiro de Persoal lle transmitiu a algún
traballador individualmente unha serie de problemas que podían derivar da interpretación do acordado e que en
ningún momento lle trasladou ao Comité de Empresa, polo que a CIG lle solicitou ao Concello o 20/04/2018 “Que o
concelleiro de Persoal convoque a Comisión Paritaria do Convenio Coletivo para solventar esta problemática
relacionada coa interpretación da modificación do Convenio Colectivo e para que a aplicación destes acordos non
lle produza prexuízo ao persoal. Así mesmo, que solucione canto antes esta cuestión para que non lle afecte a
posibles futuras subas derivadas dos orzamentos estatais, así como o perfeccionamento de novos trienios e
solucione as consecuencias derivadas da interpretación unilateral do Convenio neste punto no momento da entrada
en vigor deste.”

DÍAS DE ASUNTOS PROPIOS DO ANO 2018

Lembrade que este ano temos 8 días de asuntos propios (dous en compensación dos sábados festivos 6 de xaneiro
e 8 de decembro) segundo o que indica o artigo 21.2. do Convenio colectivo do persoal laboral do Concello de
Betanzos: "Os calendarios laborais incorporarán cada ano natural, tantos días de permiso como festividades
laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma
de Galicia, coincidan con sábado no dito ano".

MÁIS INFO EN WWW.CIGCONCELLOBETANZOS.BLOGSPOT.COM


ABRINDO CAMIÑOS
NÚMERO 62
ABRIL 2018

PRESENTADAS VARIAS DEMANDAS DE RECLAMACIÓN DA INDEFINICIÓN

Nestes días varios/as traballadores/as presentaron as primeiras reclamacións previas no Concello e demandas de
indefinicion no xulgado do social. Esta situación vén derivada das negociacións da Relación de Postos de Traballo
nas que o Concello advertiu que setenta traballadores deste Concello non terían posto nesa nova RPT porque están
nunha situación fraudulenta. Á vez que se presentaron as reclamacións, a CIG solicitou unha reunión co concelleiro
de Persoal, Diego Fernández, aínda pendente de cita, para lle transmitir as súas intencións con este proceso, así
como manifestarlle as intencións da presentación das reclamacións previas no propio Concello.

PRIVATIZACIÓN DO SERVIZO DE LIMPEZA MUNICIPAL

O Concello de Betanzos avanza na privatización dos servizos municipais e na destrución de emprego público co
contrato do servizo de "Limpeza de centros públicos de ensino do Concello de Betanzos". As traballadoras
afectadas souberon pola prensa que o Concello ten a intención contratar a unha empresa privada para a limpeza do
CEIP Francisco Vales Villamarín, a Escola Infantil e o Conservatorio Municipal. Desde a Sección sindical da CIG
denunciamos publicamente a falta de diálogo do goberno municipal nesta situación e a vontade privatizadora dun
sector que na actualidade xa conta con persoal, se é ben é certo que nos últimos anos se reduciu significativamente
pola negativa a cubrir as vacantes por xubilación. A maiores, o Concello ten unhas listaxes de substitución vixentes
para o posto de limpador/a para cubrir as baixas do persoal, e a CIG xa denunciou publicamente que
sistematicamente viña cubríndoas con persoal dunha empresa privada, nun claro intento de abrir este novo camiño
da privatización definitiva. Logo da publicación do prego a Sección sindical da CIG solicitou unha reunión co
goberno municipal no que lle trasladou o seu malestar e discrepancia con esta privatización e a necesidade de que,
no caso de haxa unha redistribución dos efectivos para outros servizos municipais esta se faga en igualdade de
condicións paea todas as traballadoras afectadas, non obstante, o concelleiro de Persoal, amosou que ten unha
idea clara de como facer esa redistribución e que non é precisamente en igualdade de condicións para todas as
traballadoras do servizo. A CIG xa falou coas posibles prexudicadas para que tomen as medidas oportunas no caso
da modificación das condicións laborais do posto de traballo.

AXUDAS SOCIAIS DO ANO 2017

Cun mes de atraso, mais parece que as axudas sociais do ano 2017 se pagarán coa nómina do mes de abril de
2018, ou cando menos iso é o que nos indicaron no departamento de Persoal logo das últimas consultas. Tendo en
conta que o Concello non publica a listaxe provisional nin definitiva de axudas concedidas, tal e como sería
preceptivo segundo indica o regulamento vixente, lembrade comprobar as contías e que están correctas e, no caso
de que teñades algunha dúbida consultala no Departamento de Persoal e, se tendes que facer algunha
reclamación, facela por escrito para que conste e tentar que se resolva satisfactoriamente.

HORARIO DE VERÁN E CONTROL HORARIO

O artigo 22.4 do Convenio colectivo indica o seguinte con respecto ao horario de verán: “Durante o período
comprendido entre o 16 de xuño e o 15 de setembro, ambos incluídos, establecerase unha xornada reducida de
traballo dunha hora diaria, con carácter xeral ao final da xornada fixada no apartado 2.º do presente artigo. Cando
polas características do servizo ou do posto de traballo, non sexa posible a redución no período indicado o tempo
de redución, que se incrementará nun 50%, desfrutarase noutro período e do xeito indicado no parágrafo anterior.
Do mesmo xeito, o persoal que preste os seus servizos a tempo parcial o tempo de redución será proporcional á
xornada que veñan cumprindo.”
En principio, segundo indicou o concelleiro de Persoal, esta redución horaria poderá manterse neste ano 2018
aínda que se implante definitivamente o sistema de control de presenza no traballo nos vindeiros meses.
Canto á implantación do sistema de control de presenza no traballo, na actualidade está implantado en todos os
edificios municipais e só ficaría pendente o punto de acceso para todo o persoal, que estará no Centro Cultural San
Domingos. Enténdese que no momento en que este sistema se implante definitivamente haberá unha comunicación
formal do Departamento de Persoal, non obstante, e coma sempre temos informado, queremos transmitir a
importancia de comunicarlle formalmente e por escrito ao Departamento de Persoal todos os permisos, vacacións e
ausencias xustificadas, así como horas extraordinarias realizadas.
Con relación a isto, lembramos que o artigo 22.1. do Convenio colectivo do persol laboral indica o seguinte: “a
duración da xornada de traballo no Concello de Betanzos será 37 horas e media semanais de traballo efectivo”.
Polo momento, e mentres non haxa ningunha modificación lexislativa a nivel estatal este artigo ten plena vixencia.

MÁIS INFO EN WWW.CIGCONCELLOBETANZOS.BLOGSPOT.COM

Vous aimerez peut-être aussi