Vous êtes sur la page 1sur 2

ABRINDO CAMIÑOS

NÚMERO 63
XUÑO 2018

INFORMACIÓN DA REUNIÓN CO CONCELLEIRO DE PERSOAL (30/05/2018)

Novo regulamento de axudas sociais


O Comité de Empresa lembroulle ao concelleiro que segundo o convenio o novo Regulamento das axudas de
acción social debería estar vixente e que se están vulnerando os prazos do Convenio colectivo. Así mesmo, días
despois, reiteroulle a petición de negociación deste regulamento por rexistro e instou ao Concello a que retome este
tema e teña en conta a situación social para o pagamento das axudas, porque o pagamento lineal que se vén
facendo históricamente discrimina abertamente a persoal laboral, que é o que ten, como norma, os salarios máis
baixos do Concello.
Acordos de modificación do Convenio colectivo
O pasado 11 de maio tivo lugar unha nova reunión da Comisión Paritaria do Convenio na que se acordou engadir
aos criterios de absorción do CPT o seguinte apartado: d) Os novos trienios cumpridos dende a entrada en vixencia
do Convenio colectivo non serán absorbibles polo complemento persoal transitorio logo da entrada en vigor desta
modificación. Non obstante, logo de que o concelleiro lle pasase a información á Intervención municipal seica
cumpriría unha nova reunión para a actualización das contías do Convenio co 2%. O Comité indicoulle, a maiores,
que xa que vai haber unha reunión cumpriría fixar a contía das horas extraordinarias para o grupo 2 A, agora que
hai persoal laboral dese grupo, e mais actualizar con ese 2% as contías das horas extraordinarias, que o persoal
laboral vén cobrando un 2% por baixo do que debería. A previsión é que haxa unha reunión inmediata da Comisión
Paritaria e que todos estes acordos vaian ao pleno do mes de xuño. Entre tanto, tal e como fixemos ata o momento,
recomendámoslle ao persoal ao que o Concello lle absorbeu trienios que faga a reclamación oportuna, tendo en
conta que a modificación do convenio colectivo non estará vixente ata que non se publique.
Implantación definitiva do sistema de control de presenza no traballo
O Comité de Empresa manifestoulle que a implantación do sistema de control de presenza no traballo traduciuse na
práctica nun aumento das discriminacións, non só porque na actualidade hai persoal que non pode nin sequera
fichar en modo práctica (Protección Civil, axuda no fogar, pasatempo, centros de ensino etc), senón porque a
discriminación existente historicamente entre o persoal de oficinas de oficinas e o persoal de servizos non se
solucionou. O Comité solicitoulle que se trate a todo o persoal en igualdade de condicións tanto no relativo a ter que
fichar como no relacionado co cumprimento da xornada, porque historicamente a inexistencia dun sistema serviu
para que o goberno chamase a “atención” a algún persoal por cuestións horarias, cando outro persoal en idénticas
e peores condicións non tiña ningún reprendemento, sempre dependendo de quen fose, e o mesmo diferenzas
canto á permisividade de horarios porque mentres que hai persoal que tivo que solicitar un horario de conciliación e
agardar a que llo autorizasen outro veu facendo uso libre do horario sen que constase por escrito unha xornada
diferente da do resto do persoal; de aí a necesidade tamén das regulación dos horarios e xornadas.
Atrasos no pagamento das horas extraordinarias do persoal laboral
O Comité trasladoulle o malestar do persoal polos atrasos de catro e cinco meses no pagamento das horas
extraordinarias e instouno a que se era un problema de tramitación que o debía solucionar canto antes mais o
persoal non debía pagar os problemas de xestión do Departamento de persoal.

Comité de Seguridade e Saúde, plans de emerxencia dos edificios municipais e


revisións médicas pendentes
O Comité de Seguridade e Saúde leva sen reunirse dese o ano 2017 e o Concello ten pendentes varios
requirimentos da Inspección de Traballo sobre os plans de emerxencia. Así mesmo, o Concello de Betanzos leva
sen realizar revisións médicas desde o ano 2016. Por estes motivos o Comité de Empresa trasladoulle ao
concelleiro a necesidade de convocar o organismo e realizar as revisións médicas, igualmente fixo ambas as
solicitudes por escrito, para que no caso de que o Concello non leve a cabo as solicitudes proximamente, facer as
denuncias oportunas ante a Inspección de Traballo.

Reclamacións previas de indefinición do persoal laboral


Logo do proceso de negociación dunha RPT na que non constarán os postos da maior parte do persoal laboral e de
que fose o propio Concello o que indicou que só poderían constar os postos que tivesen unha sentenza de
indefinición, varios traballadores e traballadoras laborais tramitaron demandas de indefinición contra o Concello de
Betanzos. Á vez, fixeron as reclamacións previas no Concello e déronlle a posibilidade de resolver este conflito sen
acudir ao xulgado, mais o Concello, na liña do que vén facendo nos últimos anos, denegoulles a reclamación e
obrigou ao persoal a acudir ao xulgado, a pesar de que nas propias mesas de negociación indicou que entendía
que o persoal era indefinido e que non habería problema con esta cuestión. Agora xa se están a tramitar as
demandas e varios/as traballadores/as e están pendentes de xuízo.

MÁIS INFO EN WWW.CIGCONCELLOBETANZOS.BLOGSPOT.COM


ABRINDO CAMIÑOS
NÚMERO 63
XUÑO 2018

Previsións para os servizos: Limpeza de colexios


Está previsto que o contrato da empresa entre en vixencia aló por setembro, nese momento habería unha
recolocación do persoal de limpeza de edificios. O concelleiro comprometeuse a que se respecten as conciliacións
e a que haxa unhas reunión coas traballadoras afectadas e mais co Comité para acordar esa modificación das
condicións, o Comité insistiu no que xa falamos na reunión que tiveramos por este motivo, na necesidade de
diálogo coas traballadoras e de tratar en igualdade de condicións a todas as traballadoras afectadas.
Previsións para os servizos: Limpeza de rúas
Este é un servizo en clara decadencia, que se vai agravar coas tres xubilacións previstas proximamente. O servizo
quedará sen encargado e non hai previsión de cubrir o posto, porque desaparece xa que é laboral temporal, así que
este servizo non terá responsible en breve mais hai o compromiso de permanencia do persoal, probablemente nun
futuro en convivencia cunha empresa privada, polo que se deduce do que dixo o concelleiro.
Previsións para os servizos: Escola Infantil Municipal
A situación é complicada pola xubilación anticipada dunha traballadora e que se agrava pola incompetencia do
Concello para non cubrir as baixas existentes. Agora que finalizou un contrato por acumulación de tarefas logo de
doce meses, este sector está sufrindo as consecuencias da nefasta xestión histórica de persoal neste Concello.
Previsións para os servizos: Servizo de obras, xardinaría e electricistas
Estes servizos, especialmente os dous primeiros están en clara decandencia, no caso de xardinaría hai un só
traballador, mais o concelleiro indicou que se se aproba a RPT pasaría a servizos múltiples, posto que ten sentenza
e o posto iría na RPT, o mesmo no caso de obras, unha vez que se xubile o único compañeiro laboral que ten o
servizo. Se se aproba a RPT vai dar lugar a unha discriminación evidente posto que o persoal con senteza formaría
parte de servizos múltiples e o que non a ten, ao non constar na RPT, seguiría na situación actual mais sen
pertencer a un servizo definido; agravando, pois, a situación de desorganización e descontrol deste Concello. No
caso do servizo de electricistas están valorando elaborar unhas listaxes para cubrir unha excedencia, mais o
concelleiro non concretou máis nada. O Comité lembroulle a necesidade de persoal, neste ao igual que noutros
servizos, así como no caso de que se elaborasen unhas listaxes que contasen con persoal cualificado para o posto.
Previsións para os servizos: Conservatorio municipal e EMUF
O Comité de Empresa manifestoulle unha clara preocupación por este sector, tendo en conta que hai persoal que
acaba contrato en xuño e ante a inexistencia da RPT sempre cabería a posibilidade de que non volvesen
contratalos, porque, en principio, uns postos cubertos temporalmente que non existen nunha RPT non teñen
seguridade ningunha. O concelleiro manifestou que a previsión é volver contratar o mesmo persoal e sen proceso,
como en anos anteriores, en setembro, porque seica hai un informe do asesor xurídico que di que son discontinuos.
Non obstante, a recomendación é que o persoal que está en fraude e é despedido (ou finaliza contrato, como indica
o Concello) debería demandar no momento do despedimento ou mesmo antes, posto que o único que teñen de
aquí a setembro é un compromiso verbal de que van volver , e se volvemos a mirada atrás non podemos esquecer
a persoal do GRUMIR que non denunciou cando o despediron a saber porqué compromisos e cando quixo
denunciar era tarde e quedou fóra. Por outro lado, O Comité manifestoulle a necesidade de regular as xornadas do
profesorado e comezar a ter en conta que non se debe contratar só polo horario de aulas, senón de reunións,
titorías e actividades que realiza este persoal, así como adaptarse á normativa no caso do Conservatorio e adecuar
os calendarios aos de Educación e non aos do Concello, posto que isto non está regulado na actualidade.
Indemnizacións por asistencia a tribunais
Coa nómina do mes de maio o Concello pagou algunhas das indemnizacións por asistencia a tribunal pendentes
desde hai anos. Cómpre lembrar que o goberno do PSOE levaba 7 anos sen pagar estas indemnizacións que
veñen reguladas por lei e que ten un proceso xudicial pendente por esta cuestión. Pois logo de anos, o Concello
decide pagarlle un ano de atrasos ao persoal laboral e catro anos de atrasos ao persoal funcionario, nos casos en
que non houbo unha solicitude expresa, nos casos en que a houbo pagou case todas as indemnizacións agás as
dos que foron asesores ou formaron parte de procesos que só tiveron concurso, o que é unha clara discriminación.
Con esta decisión o Concello volveu a agravar as diferenzas entre o persoal funcionario e laboral, cunha nefasta
xestión que lle fixo perder cartos principalmente ao persoal laboral, que en moitos casos non solicitou por escrito
estas indemnizacións que o Concello debería tramitar directamente cando formas parte dun tribunal e non agardar
a que o persoal o solicite.
Oferta de Emprego Público para laborais
Tendo en conta o que indican os orzamentos do estado vixentes (2017) e o que prevían os deste ano (2018), aínda
pendentes de entrar en vigor, o Concello podería sacar en calquera momento unha Oferta de Emprego para a
“establización” (así é como se recolle nos orzamentos) do persoal laboral temporal. O concelleiro de Persoal
indicou que non está previsto saque proximamente unha Oferta de Emprego Público para laborais e insistou en que
no momento que o decidan será un proceso negociado e consensuado.

MÁIS INFO EN WWW.CIGCONCELLOBETANZOS.BLOGSPOT.COM

Vous aimerez peut-être aussi